miércoles, 18 de octubre de 2017

Falando que é xerundio!!!!

Despois das primeiras semanas, que adicamos á benvida e toma de contacto co novo curso, paulatinamente imos poñendo en marcha algunhas actividades e dinámicas que levaremos a cabo durante a maior parte do ano.

Unha desas dinámicas é a Asemblea, na que semanalmente nos xuntamos para falar sobre un tema que sexa de interese dos rapaces/as e que, normalmente, é escollido por eles. Esta actividade está programada desde a área de Lingua galega. O único requisito establecido é a obriga de falar en galego, cada un dende a súa capacidade e posibilidade, valorando  principalmente o intento e o esforzo, especialmente  nesta primeira fase. Levámola a cabo tanto en quinto coma en sexto de Ed. Primaria.




 Un dos obxectivos principais é a práctica das exposicións orais en público e, polo tanto, a disminución e correción dalgúns factores que dificultan as mesmas coma poden ser a vergoña, o medo ao ridículo ou os nervos por sentirmos observados/as mentres falamos. Ademais o uso dun vocabulario adecuado, o tono, volume ou a construción  de estruturas gramaticais axeitadas serán outros aspectos a ter en conta para evitar caer en situacións nas que se use unha linguaxe máis informal ou pouco axeitada.




O feito de que os temas escollidos sexan do agrado dos nenos/as posibilita que as intervencións sexan máis espontáneas e non leven consigo a sensación de  "obriga" de ter que falar,sobre todo para os máis tímidos. Polo tanto sempre trataremos de escoller un tema que motive a todos ( ata agora algúns dos escollidos foron "as pasadas vacacións do verán", "os deportes" ou "o recreo") . Por suposto o noso proxecto "Be nice" tamén tivo espazo nestas conversas.
Deste xeito tamén conseguimos algo moi importante na nosa opinión: estar traballando aspectos presentes no currículo e nas nosas programacións sen que os alumnos/as teñan a impresión de estar facéndoo, noutras palabras, mentres se divirten.












3 comentarios: